As Pontes na Historia

PREHISTORIA
As orixes de As Pontes afunden as súas raíces na Prehistoria, en concreto no período Neolítico arredor do 5.000 a.C., data na que se encadran as máis de 200 mámoas (túmulos prehistóricos) localizados no concello. Nas sucesivas escavacións arqueolóxicas realizadas foron localizados diferentes artefactos como puntas de frecha, mazas trilobuladas, así como fragmentos de cerámica correspondentes á Cultura Campaniforme. Algúns estudos sinalan que arredor do 6.000 e o 2.800 a.C. un importante asentamento humano poboaba o municipio.

Da Idade do Bronce o concello conta con 8 castros (poboados fortificados). Nas escavacións arqueolóxicas realizadas nestes asentamentos apareceron varias diademas e broches de ouro.

 

ROMANIZACIÓN
No ano 1992 no marco dunhas escavacións arqueolóxicas levadas a cabo no núcleo urbán aparecen os restos dunha vila romana, que dan fe da ocupación do territorio en época romana. Un dos elementos máis importantes desta época é a ponte romana que aínda se conserva sobre o río Chamoselo, así como as aras romanas de Somede e do Portorroibo.

 

IDADE MEDIA
O primeiro texto que relata a existencia do “Concejo das Pontes” data do ano 1267. Cen anos máis tarde, Henrique II de Castela concédelle o señorío da vila de As Pontes ao cabaleiro García Rodríguez de Valcárcel, en pago por telo rescatado da cadea na que se atopaba logo da batalla de Nájera onde fora apreixado. Ao non ter descendencia a súa linaxe desapareceu cen anos máis tarde, pasando a pertencer o señorío á Casa de Lemos, deixando testemuña do seu paso pola vila en varias pontes construídas sobre o río Eume e que dan nome á vila, entre as que destaca a Ponte dos Ferros.

Guardar

Guardar

Guardar